sábado, 20 de mayo de 2023

MAIO

 En outono e inverno, non nos paramos nunca a pensar no que temos arredor, ata que

chega a primavera e nos paramos a pensar en que non nos paramos nunca a pensar no que

temos arredor. É nesta época do ano, no apoxeo dos colores, no que imos andando por onde

antes había inhóspitos desertos monocromáticos iluminados pola escasa claridade que deixan

pasar as nubes anunciantes de chuvascos inminentes, e acadamos a ver pequenas pintas de

vida que outorgan as flores á vista. Combinadas co verde, xa máis clariño e amable da herba,

funcionan como especias que modifican o que é a base da comida, dándolle un sabor moito

máis activo e vivo. O rego de auga que se vai meter no sumidoiro e que corre incesantemente

pola cuneta, sendo cada segundo distinto pero exactamente igual a como era o anterior,

tamén parece ir de gala coa chegada de abril e o conseguinte maio. É coma se todo ao que nos

acada a visión estivese en pixama até agora.

A luz do Sol, por algunha razón, especialmente en franxas horarias próximas ao solpor

ou amencer, tingue o panorama dun amarelo ou laranxa, un color indescritible, que fai todo o

que toca digno de admiración. Non creo que sexa mérito da luz, pois ao final non a admiramos

a ela, senón á superficie na que recae, deixando ver a antes oculta beleza que recolle. Non,

non hai boa luz, só che está sinalando que a fermosura, aparentemente inalcanzable e

intanxible, está ao alcance dunha folla murcha no chan.

Tamén é certo que, pese a que en maio todo está moito máis bonito, a chegada desta

época do ano non ten un efecto distinto do da luz. O entorno no que nos atopamos é

exactamente o mesmo. Que cambia, pois?

O maior causante é a actitude coa que se toma. Acaso non é bela unha tormenta

eléctrica sobre un mar turbio e moi revolto, cun barco pesqueiro loitando por compensar a

escora e cabecear o menos posible? A situación en si non é propensa a ser analizada, pois hai

outras prioridades para os pesqueiros, ou non hai nada que lles faga contemplar a situación na

que se achan. Algo así pasa no inverno. Existe unha beldade intrínseca digna de

contemplación, pero con contempladores indignos de apreciala. A beleza áchase en todas as

cousas, sen excepción, e só uns poucos a poden captar. Só os capacitados manexarán esta

esencia omnipresente.

Só os poetas

dominan a poesía.


Abel Rodríguez

No hay comentarios:

Publicar un comentario