miércoles, 18 de enero de 2023

FELIZ DÍA DE SAN AMARO

  De chuvia e vento iamos ben servidos ata o de agora nas Brañas...

  Faltaballe unha terceira pata á sela, un frío que queima o peteiro, dubido que o merlo saia do niño....

  E tiña que ser hoxe, día no que celebramos na aldea a festividade do noso Patrón, cando o nordés viñera a recordarnos que o inverno de verdade aínda estaba por asomar...

  Este ano teño claro, merliño, que nen ao pé da lareira quito de enriba a reuma...

  O avogado destas causas non debe estar pola laboura, para esto non facía falta adicarlle unha capela.

  Xaquín, a cousa xa ven de vello, e non ten culpa algunha o santo venerado na aldea. Se non que sentido tiña facelo Patrón dela...?

  O Ulla é o gran culpable de cánto acontece no Val. Un encantador de serpes que baixa polas ribeiras repartindo apertas, ao tempo que provoca unhas brétemas que van calando nos ósos...

  Tamén pode que san Amaro esté canso de que só vos acordes del cando chega o día de hoxe...

  Traxe e gravata...

  Misa cantada coa capela engalanada, música de banda, gaitas e foguetes acompañando a procesión polas rúas da aldea...

  Festa rachada coas casas cheas de invitados, e o resto do ano nen unha esmola nen un rezo, Xocas.

  No mirara nunca desde ese punto de vista, larpeiro. Quizais teñas razón e forámonos alonxando cada vez máis da fe para vivir un materialismo exacerbado...

  Non vou entrar en detalles, non é o momento nen teño tempo. Quente o sol ou chova e faga frío, espéranme en Pontevedra "As Abellas". Disfrutar da súa mel cada fin de semana fai que se me curen os males, polo menos os da Alma...

  Antes, para non deixala coxa, quero pórlle á sela a cuarta pata, o sol, cun amencer de postal reflexado no hórreo da horta...

  Toca hoxe imaxinalo de momento, coma tantas veces pelexa coa néboa por facerse un oco  neste marabilloso recuncho da Veiga...

  FELIZ DÍA DE SAN AMARO ...!!


O Paraíso existe 




No hay comentarios:

Publicar un comentario