miércoles, 14 de diciembre de 2022

MÁIS ALÁ!. CEN ANOS DESPOIS (LIMIAR DO ANUARIO BARBANTIA 2022)


Cumpríronse en xuño cen anos da publicación do manifesto literario-vangardista Máis alá, escrito por Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro, coñecido como a folla a partir daquel momento e que, sen pretensións de suficiencia doutoral, como din eles, fai unha chamada á rebeldía da mocidade galega. Non sei as razóns, pero é sorprendente que o aniversario dunha das iconas máis emblemáticas da cultura galega estea pasando practicamente desapercibida. Aproveito a oportunidade que me dá este limiar para renderlle unha homenaxe persoal que, polo que eu creo, ha de ser tamén unha homenaxe de toda a asociación cultural Barbantia. Permitide que o faga reflexionando sobre un fragmento da miña biografía Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego no que abordo o contido dese manifesto:   


     Manuel Antonio e Cebreiro comezan aclarando que, a diferenza doutros manifestos vangardistas, Máis alá non busca adeptos para un novo ismo, senón facer unha protesta implacable contra os vellos, eses que escriben como se “vivisen no antonte dos séculos”, e diferéncianos dos devanceiros, aqueles escritores que viviron hai moitos anos, e que eles respectan (só persoalmente, carecen de mérito literario) por non teren culpa de vivir nun tempo de “choída incultura castelá” e por seren un exemplo de vontade e patriotismo. Dálles noxo o ruralismo de Lamas, a vulgaridade de Losada, o baleiro verbalista de Curros, a pose de falso romanticismo de Rosalía, e a incapacidade de Pondal para captar “a grandiosidade dos rumorosos e da maxestosa paganía bárdica”. Pero se os devanceiros aínda merecen respecto persoal, cos vellos (pollitos bien, mamaleites, chámanlles) só se pode facer dúas cousas: enterralos baixo a “lousa inamovible da súa vulgaridade” ou mandalos a Madrid, “pozo negro de todos os desperdicios da Península”, pois están atrofiando a sensibilidade do pobo escribindo en castelán sobre temas burgueses. Necesitamos escritores novos que comprendan que a revolución estética é previa á revolución político-social. Pero non propoñen unha sensibilidade artística concreta. Cada artista debe buscar a súa propia sensibilidade cumprindo uns poucos imperativos comúns: desprenderse do pasado, buscar camiños novos, renunciar a todo movemento artístico dogmático que impida a anárquica elección individual e, sobre todo, usar unha Fala propia, que non estea corrompida por académicos e puristas. En resumo, ser individualista e rexeitar toda imitación.


      É evidente que hoxe case ninguén coincide con algunhas das contundentes afirmacións dese manifesto. O adanismo non nos parece un valor en si mesmo. Nin sequera unha proposta factible. Non podemos desprendernos do noso pasado, nin a nivel persoal, nin a nivel histórico, nin a nivel literario. Rosalía de Castro é unha figura indiscutible, tanto a nivel poético como humano. Pondal, Curros, Lamas e Losada, independentemente de que poidan gustar máis ou menos, son referencias ineludibles da cultura galega. Os escritores nacidos en Galicia que escriben en castelán tampouco teñen por que ser necesariamente vulgares (Manoel Antonio cita a Valle-Inclán), nin escribir para atrofiar a sensibilidade do pobo escribindo sobre temas burgueses. Tampouco estariamos de acordo, cando menos aceptamos o debate, en que os académicos e puristas se dediquen a corromper a fala. Comprendemos a entusiasta e xuvenil exasperación de Manoel Antonio nun momento histórico no que Galicia e o galego carecían dun mínimo de autoestima política, pero non compartimos esas críticas, moi sinceras naquel momento, pero das que se arrepentiu axiña, pois ese manifesto serviulle para marcar un antes e un despois na súa vida de poeta. El mesmo o sinala no único artigo que escribiu para defenderse da moi xusta crítica que recibiu: un suposto poeta sen obra publicada que se atrevía a desprezar toda a cultura galega e a escritores da talla universal de Valle-Inclán ou Rosalía. Escribe Manoel Antonio: 


     E se o desexo se tece en desacertos, e desorientacións e contradicións e inconsecuencias, coa sinceridade con que as horas de todas as cores tecen unha Vida, quen poderá reprochar algo, canto teña, o día pretérito en que deixaba? Endebén, ese día non chegará endexamais porque o desexo está orientado no senso dunha constante superación. 


     Non. Nada que reprocharlle a esa sinceridade, máis aínda cando na época actual vivimos unha cultura da cancelación e unha autocensura creativa permanentes. E se esa sinceridade leva a cometer erros, a mellor forma de pedir perdón é mostrar, como mostrou Manoel Antonio anos despois escribindo De catro a catro, un senso constante de superación. Cando morreu, non teño ningunha dúbida, xa non lle habían de dar asco Curros nin Pondal, nin, moitos menos, Rosalía e Valle-Inclán. 

    Agora ben. Hai moitos aspectos do manifesto nos que si podemos coincidir, e recordalos é a miña pequena homenaxe a esa folla perenne. 

    A suficiencia doutoral, tan abundante hoxe nas redes sociais, sobra, pero a rebeldía dos mozos é necesaria, máis aínda nun mundo no que non só o galego, rodeado de xigantes lingüísticos, e os galegos, con problemas demográficos moi serios, están en permanente crise de supervivencia, senón os propios seres humanos, enfrontados a unha transición enerxética que, como Aquiles, está perdendo a carreira coa tartaruga do cambio climático.     

    Coincidimos na necesidade de facer unha protesta implacable contra os vellos, sempre que vellos signifique, escritores pasados, presentes ou futuros, que consideren que a literatura só debe repetir formas tradicionais ou que, como di a hexemonía actual, só debe servir para contar historias divertidas ou de suspense. 

     Coincidimos en que admiramos unha literatura que, mentres non estea normalizada, debe ter o fermoso obxectivo, compatible coa calidade, por suposto, de garantir a supervivencia desa lingua imprescindible para a súa existencia. 

    Coincidimos en que necesitamos moitos máis escritores novos (e xa temos dabondo, e moi bos) que comprendan que a revolución estética (en sentido amplo, e identificando estética con ética) e previa á revolución político—social. 

    Coincidimos en que non debe haber unha sensibilidade artística concreta, e en que cada artista debe buscar a súa propia forma de expresarse por camiños novos, máis alá de todo dogmatismo. 

    Coincidimos en que hai que ser individualista, non egoísta, e pór deseguido ese Eu con maiúsculas, tal e como fixo o noso poeta, ao servizo dunha causa comunitaria e humanística xusta. 

    E coincidimos en que, sobre todo, como recalca Manoel Antonio, debemos usar unha Fala propia. 

    Esa fala que é a única lingua propia desta asociación cultural Barbantia que, sen pretensións de suficiencia doutoral, pero co mesmo entusiasmo do manifesto Máis alá, publica regularmente este anuario.  

 Xosé Ricardo Losada

No hay comentarios:

Publicar un comentario