miércoles, 30 de noviembre de 2022

LUNÁTICOS

Nada máis abrir a fiestra escoito que o merlo, no lugar do seu habitual trino, recita "A vida é soño..."

  Semella dárselle hoxe pola poesía e os sentimentos cando o del sempre foi darlle voltas ós miolos, reflexionar e pór o acento onde corresponde, nada doado ...

  Por outra banda, ollando o amencer que ten diante da súa atalaia, a vella graneira, non me resulta estraño que a Alma voe na procura de soños...

  Que atrevemento merliño, parece que tamén a ti che visitou o outono.

  Xaquín, vivimos momentos difíciles que obrigan á xente a moitas renuncias, pero non a abrir as alas e voar ata a lúa pola noite e soñar a seu carón...

  Que sería unha vida espida de soños...?

  Renunciar a eles sería non deixar que a brisa dos amenceres nos acariñe as meixelas da Alma, Xocas...

 Pechar as reixas do corazón aos solpores, esas máxicas cores que teñen o poder de abrir a gaiola dos sentimentos e deixalos voar ata os ceos...

  Abandoar a paixón, ese lume que nos alimenta, e decirlle á vida que non temos fame, nada máis triste, Xaquín. 

  Que os soños soños son e nelo se quedan, non o comparto eu tampouco, merliño...

  A vida é sorrir esbalando por un arco da vella pintado entre nubes de algodón recheas de soños...

  É chíscarlle un ollo ao sol cando asoma coa paleta das cores na man sobre o Pico Sacro ou o Xesteiras, dándolle continuidade co pincel a unha longa noite de lindos soños...

  Transformar cada día en domingo, vestir ao albor traxe e gravata, e facer realidade os doces acordos firmados pola noite á luz da  ensoñadora lúa e as estrelas fugaces.

  Jajajaja..., e chámasme ti atrevido, Xocas.

  Amigo merlo, non é poesía o que escribo, nen o pretendo, só deixo unhas verbas que falan daquelo que sinto, ou dos pensamentos que ti co teu trino espallas ao vento...

  Sorna levaba envolta a reflexión donte, moita tristura nantronte...

  Ledicia e carraxe vanse entremezclando, e un día pídeche o corpo bailar unha muiñeira, e a Alma ao seguinte un tango, debe ser o outono...

  As palabras de hoxe, cada quen as xulgue...

  Así, merliño, somos os LUNÁTICOS, como ti me baitizastes onte...!!


  O Paraíso existe 




No hay comentarios:

Publicar un comentario