viernes, 21 de octubre de 2022

VOLVER

 - Xa verás mamá, algún día volveremos bailar xuntos. 

O que non conseguín nin intentándoo con todo o empeño do que son capaz, acaecera porque si. Así, porque me tocara pagar unha xusta peaxe por cantas boas cousas me corresponderan no meu camiñar. Un ano, enteiro. Tantos días e noites pasados coa mente en branco sen a máis mínima intención de salpicala con algunha cor. Nin sensacións, nin sentimentos, nin lembranzas, nin sequera morriña ou nostalxia. A nada, o baleiro...

Aquelas palabras expresadas coa sabedoría da inxenuidade, saídas da boca de quen non sabía senón de lisura. Aquela frase que viña da man da máis fermosa e limpa das miradas, que brotaba dun pequeno corpo abrazado á miña cintura. Con aquela afirmación volvín á vida.

Era a miña imaxe a que se reflexaba no espello do baño e que sen embargo ata esa mañá non recoñecía. E entón... a dor. Demasiada vida, demasiados estímulos. Recordos, dor. Saudade de min. Nostalxia de canto perdera polo camiño. Demasiado de presa, demasiada angustia. Dor.

Baixei os ollos, os mesmos ollos que hoxe subo, para velo por primeira vez, outra vez, o meu heroe. O meu amor. A miña vida, segunda vida.

Todos os pasados bailes tolos bulían en min. Calquera momento, sempre na cociña, con música ou sen ela, risadas, pasos imposibles e máis risadas. Descalzos, en pantuflas, en pixama ou a medio vestir, en calquera momento do día, por grave que fose situación. Aqueles movementos espasmódicos e sen pauta eran a nosa maneira, unha máis, de darlle forma a nosa complicidade. Outra das nosas extravagancia que só podía ter un significado. Nas gargalladas do absurdo tamén estaba o noso amor.

Naquel exacto momento daquela precisa mañá din o primeiro paso dun novo camiñar e dino da súa man. Despois de tanto tempo por fin sentín e puiden esbozar un sorriso. 

- Claro!

Nunca puidemos volver bailar xuntos.

Alá onde se agochan os anhelos, posúo o de que algún día, será el quen me colla con delicada forza nos seus brazos. 

- Fillo, tiñas razón volvemos bailar xuntos.


  Loili

No hay comentarios:

Publicar un comentario