viernes, 21 de octubre de 2022

BAILA

   Espertar i escoitar a ledicia coa que aturuxa o merlo logo da noite de chuvia e vento que nos regalou Armand, chirríame un pouco.

 Que é para ti, merliño, a definición de felicidade...?, atrévome a preguntarlle.

 Métesme nun apuro, a pregunta é para nota, pero tratarei de saír adiante e acadar cánto menos o aprobado. Diría que pequeniñas cousas, Amigo Xocas:

 Os primeiros raios de sol sobre o Val...

 Abrir o wasap pola mañá e atopar un emoticono cun sorriso e un bico de bos días...

 Un consello ou un como estás dun Amig@ que che aprecia de verdade...

 Unha cervexiña fría charlando en moi boa compañía...

 Recibir de improviso o regalo dunha rosa ou unhas margaridas brancas...

 Unha cómplice mirada...

 Un paseo polo Paraíso da Ría escoitando o canto dos páxaros, e ollando dende a ponte sobre o Te un solpor de postal...

 Unha noite de troula bailando, mesmo caia auga a mares...

 Todas elas pequeniñas cousas, ou inmensamente grandes, según as vexan os ollos da Alma, Xaquín...

 Se eres dos que racha os arames da xaula coa mente, dos que adoecen por votar nun charco un tango ou unha muiñeira, vai preocuparche o estado no que queden os zapatos...?

 Vai na procura da felicidade, Amigo Xocas, mesmo o vento che leve o paraugas voando...

 BAILA...!! 

  O Paraíso existe 




   Xaquín Miguéns Ces


No hay comentarios:

Publicar un comentario