lunes, 10 de octubre de 2022

AUTODIDACTA

 A non mollar os cueiros


aprendín sendo cativa,


a amolecer as codias


entre o padal e as enxivas,


a agatuñar bulideira


en tanto non me sostiña.



Sendo xa grande aprendín


tanto que eu non sabía,


a ver máis aló dos ollos,


moito máis aló da risa;


que non espella o rostro


o que no peito se axita.



Aprendín que no ar buligan


falares como muxicas


e obrares deixan pousos


indelebles coma a tinta.



Tomei máis cedo que tarde


conciencia de dúas premisas:


que a morte a ninguén respecta


e o tempo a ninguén estima.



Fun recadando daquela


saberes de onde compría.


Porque soa aprendín, son


autodidacta da vida.



Silvia Figueiras Dovalo







                                            Laura Padín

No hay comentarios:

Publicar un comentario