O raio da aurora mística de excelsa e efervescente luminosidade, nun hálito espontáneo logra alumear a señardade de pretéritos tempos, intres de protagonismo para que a inocencia inmadura reclame brincar coa imaxinación e creatividade dunha crianza soñadora.
Dende o apousento nocturno, no leito sobre un colchón de carochas murmuradoras e queixosas de calquera movemento, o sono como necesario compañeiro de fátigas deses soños de crianza. Aí mesmo, toda a comitiva do cume sacro posuía a súa feiticeira morada.
Árbores encantadas, bolboretas danzantes, trasgos inquedos, mouras de sofisticado embruxo…
No entanto, nese idílico benestar, sempre a presenza dun abrollar de fresca pureza.
Presenza constante na admiración dese cadro secular do que emerxe a visión cristaíña e cantareira, auga nativa do alto sacro, escoitar e ollar ese picho manando sen esmorecemento anual. Líquido imperturbable caendo na pía pétrea que recolle este maná acuoso, para axiña agarimar co seu alento no xardín colectivo que rodea a esta fonte emblemática, senlleira e patrimonio en exclusividade do pobo.
Adormeces e espertas, entrementres o sonámbulo percorre carreiros e corredoiras, todos estes vieiros con destino no picho dunha real fonte.
No BOP do mércores 13 de xaneiro, o servizo territorial de augas de Galicia, expón a información pública o seguinte anuncio:
O Concello de Boqueixón solicita de Augas de Galicia a autorización das obras de recuperación da antiga Fonte do Santo, no lugar do Pico Sacro, na parroquia de Lestedo.
Despois de varias décadas de inxustificada catividade acuosa, benvida dende a camposa sedenta a tan afamado elixir, no lugar as tollemerendas ilusionadas preparan unha grande esmorga para celebrar tan desexado e agardado renacer.
Xosé Manuel Lobato
No hay comentarios:
Publicar un comentario