lunes, 21 de marzo de 2022

REFLEXIÓN...ATOPARNOS

A miúdo saio a pasear sen rumbo.

  Debo entender, Xaquín, que sentes que te atopas perdido...?

  Amigo merlo, eu non diría tal cousa, porque non considero que o sexa ir na procura de encadres que fagan que a miña imaxinación voe...

  De lugares, pode que mil veces ollados, que conseguen sacarme ese pincel que levo sempre agochado co que plasmar en cores, en novas emocións, a música da Natureza, a linguaxe da Alma.

  Tamén en verbas, querido Xocas.

  Que máis quixera, fago o que  podo, que non é moito. As imaxes danme a posibilidade de votar o maxín a voar, e trato de transformalas en poemas, en palabras con vida. Outra cousa, merliño, é conseguilo. Falar de poesía é un atrevemento...

  Pero onde uns ollan simplemente auga e unha illa, eu imaxino o Ulla rodeando cos seus brazos á súa amada Cortegada, bicando seus beizos de area branca e fina, a dous amantes entregados a uns intres de luxuria. 

  Por algo din, Xaquín, que a auga que exacula o río nos parques de Carril, antes de morrer feliz e  canso na Ría, da lugar ás máis saborosas ameixas. Unha larpeirada que atravesa tódalas fronteiras, terrenais e da gula.

  No expresaría eu mellor, Amigo larpeiro. Que nos perdoe o Padre Patiño por falar destas cousas na Coresma... 

  Deambular non ten porque ser sinónimo de perdelo tempo, como quizais estén pensando aquel@s para os que sentir e imaxinar non é importante...

  Pode ser un xeito de ATOPARNOS a nós mesm@s, de sentir que o camiño non está sempre marcado, un bo truco para que a imaxinación che permita ollar un oasis onde onte só mirabas unha fonte, para atopar novos sendeiros polos que camiñar interiormente.

  Sae, querid@ Amig@, a pasear sen rumbo e leva contigo o pincel da linguaxe da Alma...

  A ben seguro, non será tempo perdido...!!



                                                                    Xaquín Miguéns Ces

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario