Ler ou falar con Pepe Rodríguez Tubío é recordar de inmediato o Juan de Mairena de Machado. Non só porque fose mestre senón porque lle encaixa perfectamente este pensamento seu: “Nada os importe ser inactuales, huid de los novedosos, de cada diez novedades que pretenden descubrirnos, nueve son tonterías. La décima y última, que no es una necedad, resulta a última hora que tampoco es nueva”. Pepe supera os 80 anos, leva máis de vinte sen dar clase, pero, estou seguro, se mañá o puxésemos a traballar en calquera colexio de Galicia, e explicase a lección (si, a lección) como a explicou toda a súa vida, acabaría conseguindo os bos resultados académicos, formativos e persoais que conseguiu sempre.
Porque é posible que Pepe non saiba a diferenza entre un estándar e unha práctica ben feita, entre un segmento de ocio e un recreo ou entre unha formación profesional básica e aprender un oficio, pero sabe cal é esa natureza humana que os clásicos chamaban perenne, e que só pode aprenderse na escola da vida e non nos centros de formación do profesorado. Pepe sabe que un mestre non pode parecer na aula, como diría o propio Machado, mal vestido y triste caminando por la calle vieja, e con iso chégalle para conformar unha profunda e humanística teoría pedagóxica. E sabe tamén, como os vellos mestres que viron os ollos da fame e da pobreza, que non hai fondo sen forma, nin forma sen fondo. E sabendo iso un prepara as clases e fainas amenas e chega puntual e consegue un clima propicio para o estudo e a tolerancia e corrixe en tempo e forma os exames e premia o mérito e castiga o demérito.
E agora, porque o maxisterio segue máis vivo ca nunca na súa alma (danlle moita rabia, rabia creativa, por suposto, algunhas cousas que ve), Pepe publica a segunda parte do seu libro A liorta viquinga. E publícao con esa elegancia estilística e espiritual dos grandes mestres, e que consiste nunha prosa límpida e amena, fluída e emotiva, dialéctica e iluminadora, que calquera ser humano pode comprender, e que é a única válida para revelar o único que a Pepe realmente lle preocupa: salvar os mellores valores da natureza perenne do ser humano. Como diría ese Castelao ao que este libro lle había de encantar, pois latexa nel o mesmo afán político (no bo sentido da palabra) que en Cousas ou en Retrincos, Pepe dános neste libro a primeira lección do mestre.
Xosé Ricardo Losada
No hay comentarios:
Publicar un comentario