lunes, 7 de junio de 2021

A ROSEIRA DE DON FAUSTINO

 O esmoleiro pediulle cinco pesetas. “Aí tes, tres”, díxolle Faustino Rey Romero, “quédoche a deber dúas”. E outro día dáballas. Gloria, a irmá, reprocháballe a súa inxenuidade. “Non ves que se aproveitan de ti? Van pedirche todos os esmoleiros da bisbarra”. E así era. E Faustino, facendo oídos xordos dos sensatos consellos da irmá, dáballes todo o que tiña. O pai determinárao a ser crego, impedíndolle cumprir a vocación da súa alma: ser franciscano, e ser un crego de espírito franciscano foi o que intentou ser nas parroquias galegas da posguerra franquista. Francisco de Asís tenía / un rosal. ¡Mirad que cosas: / él las espinas cogía, y regalaba las rosas!, escribiu nun dos seus primeiros poemas.

Pero non debemos pensar que don Faustino era un inxenuo. Por dúas razóns. A primeira, e ese é un dos seus grandes méritos, porque sabía que ese camiño que decidira emprender levaríao a vivir, como así foi, nunha permanente angustia. Pero unha angustia feliz, pois era unha angustia cristiá. A segunda, que a anécdota que acabo de contar era a cara dunha moeda que tamén tiña a súa cruz. Despois de quedar sen cartos, ía tomar os viños cos seus amigos e, como é lóxico, nunca pagaba. Chegou a coller fama de gorrón, el, que era a persoa máis xenerosa do mundo, porque ninguén sabía que o facía porque cría que os cartos debían circular de quen máis a quen menos tiña. El tiña máis que o esmoleiro, dáballos. Os amigos tiñan máis ca el, invitábano.

Supoño que á maioría das persoas a postura de don Faustino pareceralles inxenua, absurda e suicida. E non vou ser eu quen a propoña para solucionar os problemas de desigualdade do mundo. Pero si direi que, aínda que a vexo un pouco utópica , si a considero, sobre todo desde o punto de vista cristián, valente, coherente e chea de boa vida. E quería dicilo, agora que se cumpren cen anos do nacemento e cincuenta da morte de don Faustino, porque acabo de saber que EEUU quere cometer a inxenuidade, segundo din en Wall Street, de lles retirar as patentes ás vacinas. Non superaremos a pandemia se non flúen de quen máis ten a quen menos.

X. Ricardo Losada

No hay comentarios:

Publicar un comentario