sábado, 20 de marzo de 2021

A FILOSOFÍA PAGA A TRAIDORES

  Nos últimos anos estase a producir en min un cambio intelectual moi importante, e que me está deixando a sensación de que son un traidor á filosofía, a carreira que estudei e a vocación máis querida da miña mente. Cada vez leo máis narrativa (novelas ou conxuntos de relatos) e cada vez menos ensaios filosóficos. Incluso os ensaios que leo con máis frecuencia teñen máis que ver coa divulgación científica ou coa filosofía práctica que coa filosofía pura. E digo cambio intelectual moi importante porque sempre desfrutei máis de frases como: De “necesariamente, o que se coñece é verdadeiro” non pode concluírse loxicamente que “o que se coñece é necesariamente verdadeiro”, que de frases como Hamal está nervioso. Non deixa de mover as mans coma se temese que os dedos se engoumasen. Xa non. Agora prefiro estas últimas (por certo, o comezo da moi recomendable novela de Antón Riveiro Coello, O paraíso dos inocentes). Pero debo aclarar dúas cousas. A primeira, que é simplemente unha evolución de gusto persoal, e unha evolución, estou seguro, que pode dar marcha atrás en calquera momento. Nin antes consideraba mellor a linguaxe abstracta da filosofía, nin agora considero mellor a linguaxe concreta da narrativa. A segunda, que en ningún caso renunciei, menos aínda rexeitei, a lectura (que sigo necesitando, pero con menos frecuencia) de libros de filosofía, digamos, pura.

E dun deses libros (do que extraín a cita anterior), quería falar agora. Titúlase Nietzsche contra Foucault. Sobre la verdad, el conocimiento y el poder, e foi escrito polo filósofo francés Jacques Bouveresse. Non tema o lector. Non vou resumilo nin abordar os complexos (tan complexos que, pola miña falta de rodaxe actual, tardei en entrar nas argumentacións) problemas filosóficos que trata. Limitareime a falar do primeiro capítulo, A obxectividade, o coñecemento e o poder, transcrición dunha conferencia que o autor impartiu no Centro Pompidou de París no ano 2000. É un texto no que Jacques (perdoade a confianza, pero a un filósofo que actúa coma este non podo deixar de consideralo un amigo) critica con rigor e firmeza, tanto o contido como a forma, da concepción foucaultiana da verdade, desde as contradicións, ambigüidades ou confusións nas que cae, ata a sorprendente ignorancia dalgunhas esixencias filosóficas básicas que un teórico da verdade non debería esquecer.

Pero, con ser apaixonante ese diálogo crítico nos cumios da abstracción filosófica, non foi o que me motivou a escribir este texto. Porque o máis marabilloso desa conferencia está, ao meu entender, que considero a filosofía máis un como que un qué, nos parágrafos finais. Despois da demoledora crítica que lle fai, Bouveresse acaba concluíndo que tanto o tipo de disidente que era nifoucFoucault, como o modelo do filósofo disidente en si mesmo, parecen hoxe en día máis ben anticuados e arcaicos. E, deseguido, fai un comentario (e perdóeseme a énfase) que é absolutamente marabilloso: Porén, considero que precisamente o que parece telo afastado de nós é tamén aquilo que o fai tanto máis necesario hoxe en día. Cando vemos a cantidade de intelectuais eminentes que aceptan sentarse á mesa da patronal do Movemento de Empresas de Francia para discutir o problema da refundación social, podemos pensar que o que máis dolorosamente se bota en falta é sen dúbida o tipo de ironía que Foucault era capaz de mostrar non só sobre o sistema liberal triunfante, senón sobre o comportamento do ámbito intelectual. E atención a un remate que, se todos tivésemos en conta (no como, non no que) á hora de analizar o mundo, este sería, sen dúbida, moito mellor: Por iso podo concluír con toda sinceridade que nada é ao meu xuízo máis urxente e máis indispensable hoxe en día que ler e reler a Foucault.

Aristóteles criticou duramente a Platón, pero admirábao. Tomé de Aquino criticou duramente a Agostiño de Hipona, pero admirábao. Descartes criticou duramente a Tomé de Aquino, pero admirábao. Kant criticou duramente a Hume, pero admirábao. Marx criticou duramente a Adam Smith, pero admirábao. Nietzsche criticou duramente a Cristo, pero admirábao. Bouveresse critica duramente a Foucault, pero admírao. Esa é, para min, a verdadeira esencia da filosofía. Ver os puntos débiles dos teus argumentos, ver os puntos fortes dos argumentos dos teus antagonistas. Así que non debo preocuparme por ser un traidor. Un novelista pode criticar duramente a filosofía e admirala e lela e escribila. Un filósofo pode criticar duramente a narrativa e admirala e lela e escribila.

X.Ricardo Losada

No hay comentarios:

Publicar un comentario