Erguerme cedo é relixión, semella que non cumprín...
Asomado ao balcón do Val, onde vai que o sol está sorrindo...
Escoito o trino do merlo, algo quere dicirme que non entendo, noto os miolos espesos, nada son de mañá sen un cafeciño negro...
Abro a fiestra e ollo como o Ulla, vestido co traxe de festa, parece baixar repartindo apertas polas Brañas de Laiño.
Aí quería ir dar co meu canto, Amigo Xocas. Viste o traxe, axusta a gravata, non fai calor de momento, e acércate a Padrón ao mercadiño, teño antollo de cereixas.
Jajajaja...A onde chegamos larpeiro do carallo. Move o cu do niño, abre as alas e busca unha cereixeira.
Non quedan CEREIXEIRAS na aldea ás que ir roubar esas preadas vermellas, Xaquín. Xa nada é o que era, e a culpa tédela os humanos, a raza intelixente, co trato denigrante que lle dades á nai Natureza...
O que eu gozaba, a risco de saír mal parado por culpa dos tirapedras ou do fouciño de tía Aurora.
Canta razón ten o merlo, axiña saio pitando, é Padrón un bo lugar para pasar unhas horas na mañá dun domingo...
Ollar o convento do Carme presidindo o Espolón e o río Sar que cruza baixo a ponte romana, dar un paseo polos máis de seiscentos postos de venda do mercadiño máis grande de Galicia, mercar os pementos de Herbón, piquen ou non, o pan de broa ou de Carballo, mesmo unhas zapatillas e un fouciño, tomar unha tapa de polbo á feira e unha cunca de viño tinto, e cumprirlle o antollo ao merliño...
Dubido que me empeñen unhas cereixas do Jerte ou do Bierzo, ben as merece o larpeiro, mágoa as da Laracha ou Beade.
Jajajaja..., esperta Amigo Xocas. En soños o subconsciente pareceu xogarche unha mala pasada...
Sei que tes moitas gañas de polbo e cereixas e bótasma a culpa a min...?
Larpeiriños deunos deus a ámbolos dous, Xaquín. Pero o calendario di que aínda estamos a sábado...
Sí, tamén en Padrón...!!
O Paraíso existe
Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:
Publicar un comentario