miércoles, 27 de marzo de 2024

CHEGARÁN VENTOS DE COLA


  Esperta por estribor un día estraño, unhas raiolas de sol tratando de iluminar o Val pelexan coas escuras nubes de tormenta...

  A noite non me axudou, necesito facer unha pausa, pór as ideas en claro, pensar no rumbo que leva o barco no que navego, ver se o temón necesita un xiro...

  A imaxe das Brañas ten hoxe un halo de misterio, o abrente semella un ceo de Semana Santa, merliño...

  Igual que cánto acaece a bordo da nao deste País noso, teño a impresión de que remamos no mar do descoñecido sen un porto claro no horizonte.

  "A imaxinación ao poder", Amigo Xocas. Tod@s necesitamos respirar de cando en vez, eu o primeiro, pero se deixamos de cravar o remo na auga irémonos contra as rochas...

  Toca remar cóbado con cóbado camiño dun porto seguro, mesmo sexa agora incerto.

  Merliño, o lema do maio do 68 foi unha chamada de atención na procura dun mundo diferente, pero coido que agora mesmo poñemos pouco da nosa parte para atopar ventos favorables que nos leven a conseguilo...

  Cáeseme a Alma aos pés vendo como moit@s  daquel@s que foron elexid@s para pilotar o barco no que navegamos, Congreso e Senado, no lugar de mirar polos intereses dos cidadáns adícanse a chapotear no fango do engaño, dos bulos, de cómo amasar diñeiro a esportas, se fai falla a costa do sufrimento das persoas...

  Dos insultos por enriba de calquer cousa..."E ti máis", é todo cánto saben decir os "preclaros Demóstenes do Parlamento", querendo tapar as vergoñas propias...

  Dame noxo escoitalos tratando de facernos ver unha vez máis que se racha España, que o gran problema é agora un referéndum, e non que haxa xente que non teña onde durmir, un carolo que levar á boca, ou un médico que a atenda...

  Que oscuros intereses defenden, larpeiro...?

  Ou lle damos un xiro ao temón, ou mellor baixarse do barco, o acantilado semella o seu porto de destino...

  Ata cando temos que soportalo, merliño.?

  Non parece un bo momento para os "Quixotes da vida", páxaros con Alma que voan libres perseguindo soños á luz da lúa...

  Pero non hai que desesperarse, Amigo Xocas,

CHEGARÁN VENTOS DE COLA...

  Pelexemos...!!


  O Paraíso existe 


  
                                                
                                                            Xaquin Miguéns Ces



No hay comentarios:

Publicar un comentario