jueves, 22 de junio de 2023

O PARAÍSO EXISTE

  Queda atrás a primavera, ten a miña Alma a impresión de que lle foi roubada un bo anaco dela...

  Chega un verán que agora mesmo é ilusión e misterio, o verde das Brañas, coa calor que amornexa ata os páxaros, irá desaparecendo...

  Hoxe é o día no que a música da os acordes  do comezo da nova estación, i eu quixen tomarlle o pulso onte á tarde ao son que se escoita no meu lugar de meditación favorito nas tardes de estío...

  A imaxe da praia da Torre ao solpor dime que a visita pagou moito a pena, abrir as alas e deixar voar a imaxinación debaixo das árbores é algo que vos recomendo.

  Aparte de tirar ao sol a toalla na área da praia, a felicidade pode estar dando un paseo dende Rianxo ata Porto dos Carros, ou lendo un bo libro tumbado na herba á sombra dos pinos coa cheminea de fondo...

  Eu acostumo a facelo antes de darme un chapuzón, cada vez máis pequecho, un xa vai vello e a auga encólleo todo, para rematar cun pequeno paseo bordeando a Ría máis fermosa do mundo rodeado de Natureza...

  Detense o tempo mentres camiño, e a paz e o silencio só se ven rachados polo trino dalgún   páxaro atrevido...

  O PARAÍSO EXISTE, Xaquín, canta sorrindo o merliño dende a póla dun carballo...!!

 

  O Paraíso existe



                                                                Xaquín Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario