A MIÑA MAN
Eu non sei de onde ves,
qué camiños te trouxeron,
non sei cal é o teu nome,
o teu pensar e o teu credo.
Descoñezo a túa fala,
a túa loita, os teus devezos,
a qué conviccións te debes,
qué ferve no teu latexo.
Non sei se deixaches nai
nunha soleira xemendo,
nada sei da túa dor,
das túas dúbidas e medos.
Mais se unha oliveira agoma
dende a cerna do teu peito,
se no colo anainas pombas,
se abrolla mel nos teus beizos,
se te resgan os espiños
e te firen os coitelos,
se choras salgado pranto
e pingas sangue vermello,
a ti, de quen nada sei,
a miña man che achego.
No hay comentarios:
Publicar un comentario