domingo, 26 de marzo de 2023

CELOS

 CELOS

  Esperta o Val cun típico abrente primaveral...

  A imaxe mostra a mañá dun día de marzo con cara de rosa que vai dar paso a unha tarde con cara de can, xa ven de vello aquelo do marzo marzal...

  Mesmo así hai cousas que son sagradas, diría que relixión, a diaria charla co merlo e comer mel a culleradas os sábados pola mañá...

   Marcho que teño que marchar, como din os dalá arriba...

   Levántome ben cedo para deixar unhas verbas antes de saír voando, a cita coa "Abellas" non pode esperar, pero, como tamén din na miña aldea, a todo hai quen gane e xa o merlo leva un bo anaco de tempo votando unha cantarela...

  Semella que se picou co galo do veciño, non polo canto, entre o seu trino e o quiquiriquí non hai cor, pero o traxe...

  Ai o do traxe que mal o leva, esa crista i esas  plumas vermellas brillantes tráeno a mal traer.

  É un chulo pavoneándose no galiñeiro, que ben o ollo dende a graneira, Xaquín.

  Amigo merlo, non tes porque sentir CELOS por elo, o teu frac de cor negro e a gravata amarela tampouco están mal, xa quixera eu... 

  Cada quen mostra o pouco ou o moito que ten, acaso alporízase alguén porque ti o espertes co teu bello canto...?

  Se a Natureza así o quixo as súas boas razóns terá, recorda que é sabia...

  E agora, merliño, sorrí e deixa que me vaia, para a mel son coma un oso, non sei se a Natureza ten algo que ver, e ata Cuntis aínda teño unha boa carreiriña de can...

  Marcho que teño que marchar...!!

  

  O Paraíso existe 



                                                                Xaquín Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario