lunes, 13 de febrero de 2023

AS MIRADAS

 AS MIRADAS

  Madrugo coma case sempre...

  Logo de dúas semanas, o sol falta por primeira vez á cita neste luns de zapateiros.

  Cacheo na lacena dos recordos e atopo un comentario co que darlle cor, e que decía tal que así: "Ninguén me tocou como ti me miras".

  Nunha póla da vella maceira no lugar da cruz do hórreo, non sei se para decirme que hai que podala, está o Amigo merlo...

  Aproveito para preguntarlle se cre que ollar é un xeito de falar, unha língua...

  Preguiceiro chíscame un ollo, sorríndo, sen abrir o peteiro. Seu canto tamén semella unha linguaxe de signos, pode que lle afectara o frío da noite...

  Por fin vota unha cantarela, atragantariase se podendo cantar no fixera.

  O falar, Xaquín, non ten un idioma prefixado, e ollar pode ser unha língua que percorra a pel dunha persoa facéndolle cóxegas sen sequera pousarse enriba dela...

  É un idioma tan universal que din que unha mirada vale por mil verbas...

  Cántas veces revoan os ollos dos páxaros, merl@s e xílgar@s, e falan sen necesidade de abrir o peteiro...

  AS MIRADAS, Xaquín, son gotas de rocío que mollan...

  Esbalan polas meixelas do corazón bicándonos os beizos e inundándonos de desexo...

  Son cartuchos que esperan a chegada das abellas na primavera...

  Fogo que nos percorre o corpo derreténdonos coma manteiga...

  Son música no cerebro e lume nas entrañas...

  Cóxegas na Alma, Xocas...!!

  

  O Paraíso existe 


                                                                      Xaquín Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario