Hai cousas que son sagradas, as charlas co merlo e o descanso das subelas e os coiros os luns de zapateiros...
Tamén madrugar para ollar a cor coa que o Val vai espertando. Abro a fiestra, o nordés queima os beizos.
Esquéceste dos peteiros Xaquín, canta o Amigo merlo.
A cada quen dóelle o seu, larpeiro.
As chuvias persistentes do inverno semellan dar paso a un día no que o sol, temesiño e arroupado por un cobertor de algodón branco, quere acompañarnos...
As polas da maceira van quedando espidas, as últimas follas recórdannos que é tempo de poda, haberá que coller as tesoiras.
Non enganas a ninguén, non sabes nen onde as ten gardadas Constante, pero benvido sexa, Xocas, canta de novo o merliño dende a súa atalaia, a vella graneira, pensando en papar as mazás chegado o seu tempo...
É UN PREO, e mal Amigo...
As alas abertas, non para emprender voo, senón para darlle brillo; o frac, máis ca negro, parece un raído traxe de choqueiro...
Amence unha mañá moi fría nas Brañas, preparar o amoado e sentarse ao pé da lareira diante da filloeira pode ser un bo xeito de pasar o día quente...
O problema é darlle feito filloas con mel ao merlo larpeiro, non hai maneira de enchelo...
O prato, sempre está valeiro...!!
O Paraíso existe
Xaquín Miguéns Ces
No hay comentarios:
Publicar un comentario