domingo, 27 de noviembre de 2022

XUÍZO FINAL

 De neno Manoel Antonio vía saír as lanchas xeiteiras á tardiña, desde o peirao da Rabaleira, cara á boca da ría, se era verán, ou cara a Vigo ou Fisterra se era primavera ou outono. As roupas de augas e os panos das velas con remendos e retrincos non conseguían ocultar a fortaleza vital do rexo patrón e dos teimudos tripulantes. E despois, mentres os mariñeiros, ao pasar ao lado do illote da capela de San Bartolomeu, recitaban Alza os remos, fóra boinas, veña un credo, el pregaba pola volta daqueles mariñeiros co peito cheo porque desmallaran na rede centos de sardiñas. 

     Pouco antes de morrer, cando xa sabía que a súa morte ía ser inminente debido á mesma tuberculose que matara o pai, escribiu un poema desde ese mesmo peirao vendo saír as mesmas lanchas xeiteiras cos mesmos patróns e os mesmos mariñeiros, aínda rexos e teimudos, da súa nenez. Titúlase Xuízo final. Ás seis da tarde no reloxo tardío do outono, di o poema, o poeta escoita o torgo da buguina, esa buguina que era tamén un sistema de comunicación entre barcos, chamando aos cadáveres sen rumbo dos mariñeiros afogados. Un son da buguina que, como a morte, toma das nubes a opacidade e atrae ao seu redor o centro de todas as cousas mentres crea na mente do poeta un mundo de saudades, remorsos e pesadelos. De feito, cada vez que leo ese poema recordo como lle chaman os norteamericanos aos condenados a morte cando van camiño da cadeira eléctrica: home morto andando. Home morto poetizando, no caso deste poema.    

     Pero Manoel Antonio, no peirao desa ribeira que tomaba do sol a luminosidade da vida, e que creaba na súa mente esperanzas, conviccións moi profundas e os máis fermosos soños infantís (como diría o poeta Dylan Thomas, a pelota que Manoel Antonio tirara ao aire cando xogaba de neno no parque, aínda non tocara o chan), non é quen de escribir un poema desesperanzado, e remátao como o remataría calquera daqueles rexos mariñeiros. Deixa de remar, tira o sombreiro e a cachimba, e reza un credo: E alá no Mar sen fin, escribe, supoño eu que dirixíndose a San Bartolomeu, eu estou axeonllado tamén

Xosé Ricardo Losada


No hay comentarios:

Publicar un comentario