domingo, 12 de diciembre de 2021

LAVADO DE REMORSOS

 Non hai moito publiquei un artigo en La Voz de Galicia no que falaba dun compañeiro de equipo homosexual que se corría cada vez que os outros membros do equipo o abrazaban tras meter un gol, e mesmo indicaba que tiña un membro viril de gran tamaño. Teño moitos anos pero debo recoñecer que cada vez que escribo un artigo así, penso nos cregos da miña infancia e, antes de mandalo, sempre me veñen remorsos á cabeza, incluso un forte sentimento de culpa. Pero como podes falar desas cousas! Pero como podes estar a favor dos homosexuais! Vade retro! Vade retro! Vade retro! Os lavados de cerebro que sufrimos na infancia nunca se desterran da nosa mente, e a madurez consiste en ser quen de superalos, e mandar o artigo libre e orgullosamente.

Outra cousa é cando utilizo unha linguaxe, digamos, en termos da miña época, porca ou basta ou de malfalado. Pirola. Collóns. Cona. Vai tomar polo cu. Éntrame outro tipo de remorsos ou de sentimento de culpa. Meus pais traballaron moito para darme unha carreira e tiveron que sufrir que o fillo cambiase as súas vocacións deportista e matemática de toda a adolescencia por unha repentina vocación filosófica que non sabían moi ben en que consistía, pero que, de seguro, asociaban a alta cultura, alta linguaxe, alta visión do mundo. Así, cada vez que escribo nun texto a palabra picha ou a expresión Vai ao carallo, cabrón, non podo evitar a imaxe mental de miña nai e meu pai mirándome consternados. Coa cantidade de cousas das que hai que falar, coas innumerables formas bonitas de dicir que existen na historia da literatura, por que tes que escoller precisamente esa?

É unha moi boa pregunta, mamá; é unha moi boa pregunta, papá. Xa que logo, intentarei darvos unha moi boa resposta. E esa moi boa resposta é que hai unha fortísima tendencia en min a unir cousas que en principio son antagónicas, e unha firme convicción de que é unha calidade imprescindible para evitar o sectarismo. Na facultade encantábame ser o alumno de filosofía (hoxe non, pero, daquela, fútbol e filosofía eran incompatibles) ao que lle gustaba o fútbol. Nos vestiarios dos equipos de fútbol nos que xogaba, encantábame ser o dianteiro que lía libros de filosofía. Pásame o mesmo como escritor. Encántame escoitar as palabras malsoantes dun amigo de infancia nun texto de Nietzsche sobre a moral de escravos. Encántame percibir nun chiste retranqueiro dun amigo de infancia a risa escéptica do filósofo francés Montaigne.

 Xosé Ricardo Losada

No hay comentarios:

Publicar un comentario