lunes, 3 de mayo de 2021

ANGELIÑO

  Un Angeliño estelar marca un gol, lanza al Leipzig y elimina al Manchester United de la Champions. Cando lin o titular, a pesar da cantidade de palabras cheas de forza histórica, fonética ou económica, e a pesar de que pouco afectaba á información, o único que me chamou a atención foi o diminutivo iño. Atopei unha explicación recordando a lei perceptiva de contraste. Nun cadro negro cun punto branco percibimos antes o punto branco. Do mesmo xeito, ese iño contrastaba co resto de palabras do titular. Desde logo, co concepto de estelar xa que, iño é moi galego, o noso complexo de inferioridade é proverbial. Coñezo xente que ri cando escoita Angeliño á que nunca lle chamou a atención que un xogador do Real Madrid se chamase Juanito. E, por suposto, tamén contrastaba con Leipzig. Como diría Heidegger, só o alemán e o grego son idiomas válidos para a filosofía. Aínda que o fútbol e a filosofía pouco teñen que ver, o Leipzig non debería permitir nas súas camisetas ese ridículo diminutivo. E o mesmo pode dicirse de Manchester United ou Champions, palabras do imperio anglófilo que domina hoxe o mundo. Como diría un representante de actores de Hollywood, con ese diminutivo, ser un perdedor está garantido.

Despois desa reflexión, nun deses xiros narrativos tan habituais nas series que aspiran ao éxito comercial (e este artigo pretende ganar un concurso), recordei a morte de Maradona. Un Maradona estelar marca un gol, lanza al Leipzig y elimina al Manchester United de la Champions, dixen en voz alta para comprobar que o problema era o iño. Co nome do arxentino, o titular fluía como as caudalosas augas dun río. Agás… E entón, necesitado dun novo xiro narrativo, recordei outro titular que lera había moito tempo: El idilio de Maradona con la cocaína de la camorra. E rapidamente transformeino neste: El idilio de Angeliño con la cocaína de la camorra, para comprobar, como agardaba, que o diminutivo iño, máis que o feito de ser un ángel, contrastaba co concepto de camorra. Pode que o iño condenase a quen o levase ao fracaso económico, concluín, pero inmunizábao contra o fracaso da drogadicción.

E entón, de novo noutro xiro narrativo truculento, recordei que cando morreu Maradona, alguén escribiu en internet este comentario: Maradona levaba moi mala vida e os excesos páganse, ao que outro internauta contestou: Que Maradona morrese e os Rolling Stones sigan vivos constata que o problema non son as drogas, senón o deporte. Estaría ben, pensei, que Angeliño vivise máis tempo que a media de vida dos membros dos Rolling Stones, e puidese demostrar que o deporte non é ningún problema. E, xa postos, no xiro narrativo máis inverosímil de todos, que tamén demostrase que un diminutivo galego podía ser estelar, filosófico e triunfador, como calquera outro. E, cando pensaba acabar a historia con ese final feliz, como se buscase un anticlímax para tanta felicidade, aínda dei outro xiro narrativo. Recordei que un día, vendo un partido da NBA, un adestrador díxolle a Maradona: Michael Jordan é xenial, e Maradona apostilou: Si, é moi bo, pero el xoga coa mans. E imaxinei, agora si, para rematar a historia, que a Angeliño lle podería ter pasado algo parecido. O adestrador diríalle: Jordan é xenial. E Angeliño apostilaría: Si, é moi bo, pero el non se chama Michaeliño.


Xosé Ricardo Losada 

No hay comentarios:

Publicar un comentario