Recórdolle ao lector que esta serie de textos transcriben pequenas reflexións que me provocou o libro de Xosé Luís Axeitos, Aproximacións a Manoel Antonio (Editorial Axóuxere, 2020). No primeiro solicitaba que Axeitos aclarase por que cría que Manoel Antonio non protestara polas graves manipulacións que o editor Ánxel Casal fixo do seu manuscrito de De catro a catro. No segundo reveláballe que, ao meu entender, cae con frecuencia na falacia de petición de principio: inclúe nas premisas das súas argumentacións, as conclusións ás que quere chegar. Neste terceiro vou tratar unha afirmación de Axeitos na que di que o poeta rianxeiro tiña unha actitude estilística, psicolóxica, ética e política de perfeccionamento, incompatible con certos sentimentos corrosivos atribuídos arbitrariamente a Manoel Antonio. Xa comentei no anterior texto que Axeitos non me cita en ningún momento, pero eu estou convencido de que se refire á miña biografía do poeta rianxeiro. E tamén dicía que, en último termo, se estivese equivocado, o importante non somos nin Axeitos nin eu (estes textos non son un combate pola Autoridade, que el ten máis ca min), senón os argumentos.
Imaxinemos, xa que logo, que esas duras palabras van dirixidas a min.
Non pense o lector que, nese caso, o que máis me molesta da frase é que me acuse de atribuírlle sentimentos corrosivos a Manoel Antonio. Primeiro, porque había de ter, en contra do que pensa Axeitos, sentimentos corrosivos, como os temos todos. Segundo, porque é evidente que unha persoa pode ser perfeccionista e apaixonado coa súa obra e ter sentimentos corrosivos. Terceiro, porque, en contra do que parece pensar Axeitos, de que unha persoa teña boas ideas non se deduce necesariamente que teña bos feitos nin, moito menos, bos sentimentos.
Porque o que de verdade me molesta da frase de Axeitos é que diga que eses sentimentos corrosivos foron atribuídos gratuitamente.
Pero antes de entrar nese tema, terei que facer unha aclaración sobre a miña biografía.
Eu creo que na vida de Manoel Antonio hai catro períodos. O primeiro vai desde que nace ata que aos once anos decide non estudar para ser crego como quería a súa familia. É un período caracterizado por unha infancia feliz e integrado na familia, cunha nai moi protectora e moi permisiva con el debido á morte do pai e ás súas continuas ausencias polos seus destinos como mestra. O segundo vai desde ese momento ata a publicación do manifesto vangardista Máis alá aos vinte e dous anos. Por diversas e complexas razóns que agora non podo tratar, Manoel Antonio constrúe a súa identidade psicolóxica de forma implosiva e reactiva, inmatura mesmo para esas idades (e sen que inmatura teña que significar algo moralmente pexorativo), nunha constante reafirmación do seu ego para adaptarse a un ambiente que contradí o dos seus primeiros anos e que lle produce frecuentes e dolorosas disonancias cognitivas. O terceiro comeza co fracaso dese manifesto, previsible para todo o mundo, agás para a súa inocencia, e dura tres anos. Manoel Antonio decátase da súa inmadurez, de que só construíu un xigante con pés de barro, tal e como lle din os seus críticos, e nun fermosísimo e admirable e arriscado reto intelectual, decide darlle a ese xigante uns pés de mármore. O cuarto vai desde que embarca no Constantino Candeira con 25 anos ata que morre. O Manoel Antonio xa psicoloxicamente maduro leva a maior sorpresa da súa vida. É feliz nese barco rodeado de mariñeiros e dun capitán que lle dan á vida ese sentido de amizade e de camaradería que el sempre necesitou e que nunca atopou nos ambientes intelectuais e políticos nos que se moveu desde que decidiu non ser crego. Como consecuencia, escribe esa obra excepcional que é De catro a catro e, gravemente enfermo, prepárase para morrer cunha inmensa dignidade e coa conciencia tranquila.
Conto isto porque é moi importante para situar a miña resposta á (suposta) acusación de Axeitos.
Todos eses sentimentos corrosivos dos que fala Axeitos están circunscritos fundamentalmente ao segundo período. E queda claro en todo momento que son froito da inmadurez e da necesidade de reafirmación dun mozo que se ofrece ao mundo cunha máscara que o acaba dominando. Mesmo chego a aclarar que en ningún momento se lle pode imputar a Manoel Antonio maldade de corazón. De feito, algúns lectores criticáronme por tomar demasiado en serio os xestos e as cartas destes anos, pois só era un adolescente. Ao meu entender é unha crítica sen sentido. Ademais de que naquela época un mozo de 18 anos non era un adolescente como o é un de agora, eu tomo esas cartas e eses xestos como cartas e xestos dun adolescente. O que digo é que o Manoel Antonio dese período era psicoloxicamente así. Porque, para máis, Dieste, por exemplo, que era da súa idade, e que naceu na mesma rúa ca el, era un adolescente completamente diferente. Non é importante para un biógrafo sinalar esa diferenza e intentar explicar a que se debe? É posible explicar o período de madurez dunha persoa sen relacionalo coa súa infancia e adolescencia? Máis aínda no caso de Manoel Antonio. Viviu 29 anos e foi neno ou adolescente vinte e dous.
Pero o máis curioso de todo é a que lles chama Axeitos sentimentos corrosivos. Parto da base de que usa o termo en sentido pexorativo, e que cre que atribuírlle a Manoel Antonio eses sentimentos corrompe a súa reputación, e fire a súa memoria, cando todo biógrafo (non haxiógrafo) sabe que esas sombras, que todos temos, son imprescindibles para describir unha personalidade. Os vicios e as virtudes son dúas caras da mesma moeda en todos os seres humanos. Manoel Antonio admiraba con paixón a Baudelaire. Por que? Por iso que Axeitos chamaría sentimentos corrosivos.
Perdoarame o lector se esquezo algún, pero hai tres anos que publiquei o meu libro e non volvín lelo. Os supostos sentimentos corrosivos que eu lle atribúo a Manoel Antonio nese período son os seguintes: sentimental, inseguro, dubitativo, acomplexado, celoso, garatuxeiro, contraditorio, apoucado, desconfiado, contrariado, pusilánime, arrogante, soberbio, egocéntrico, resentido, irracionalista. Ningún deses cualificativos corrompe nin fire a figura de Manoel Antonio se consideramos que era un ser humano, non un deus, e que na adolescencia non é nada raro que desenvolvamos esas características, e as contrarias. Cando souben que Ramón Baltar dixera: “Rafael Dieste era o que tiña talento, Manuel Antonio era un antipático”, non me sorprendeu, como non me sorprendera cando mo dixeran os seus familiares máis próximos. Ben sabía que se referían a este período. Pero direi máis. Non creo que se poida entender De catro a catro sen captar este proceso de madurez que estou sinalando. No Constantino Candeira, estou seguro, Manoel Antonio non tiña eses trazos psicolóxicos, e por iso escribiu un libro capaz de dignificar a súa vida e a literatura galega.
Só nos queda por dilucidar iso de atribuídos gratuitamente. É o único que me fai dubidar de que Axeitos se estea a referir a min. Porque, así como teño claro que podo estar equivocado nalgunhas ou en moitas das miñas teses, tamén teño claro que ninguén que lea o meu libro sen prexuízos poderá acusarme de chegar a conclusións pouco argumentadas. Neste caso, todos eses sentimentos corrosivos están fundamentados no epistolario, un epistolario, por certo, que Axeitos recoñece imprescindible para escribir unha biografía, pero que (o lector xa poderá adiviñar por que) apenas usa. Vexamos algún exemplo. De onde saco que era arrogante e soberbio e irracionalista nese período? Das súas propias declaracións (mesmo se gababa diso), das da súa familia e da dos seus amigos. E resentido? Dillo varias veces Roxelio, a persoa que mellor o coñecía, e tamén o di, entre outros datos que aparecen no libro, esa carta, da que falei en Aproximacións a Manoel Antonio II, que lle manda a Dieste cando este está na guerra de África. En todo caso, sempre estarei aberto a valorar calquera outra hipótese, dese ou de calquera outro aspecto do libro, que un admirador de Manoel Antonio me suxira.
No extraordinario relato O retrato, Castelao critica aqueles que queren retratar os fillos a piques de morrer coa cara dun anxo e non coa súa cara real. Confórtame saber, xa que logo, que Castelao, estivese ou non de acordo comigo, non criticaría que eu lle atribúa a Manoel Antonio, ou a el, se fose o caso, sentimentos (supostamente) corrosivos.
X.Ricardo Losada
No hay comentarios:
Publicar un comentario